miércoles, 25 de agosto de 2010

Convidados con horta

Non hai como ter unha horta propia, os cultivos que toda a vida teñen feito os nosos pais (sempre que tiveron un anaco de terra dispoñible) son a cousa mais rica e natural que podemos atopar para cociñar e deleitarnos con sabores que os invernadoiros de Almería non son quen de reproducir.
No verán hai moitísimos exemplos, estes tomates carnosos e vermellos tan saborosos, calabacíns, berenxenas, etc. Digo todo isto porque precisamente téñenme agasallado varias veces con este tipo de produtos e hai boa diferencia cos mercados nas grandes superficies.
Onte pasou isto, a miña convidada a comer tivo a delicadeza de achegarse á miña cociña cunhas berenxenas de cultivo ecolóxico realmente envexables.
Como veredes improvisamos un recheo con peituga de polo que quedou riquísimo.
Aquí tedes como o fixemos:

Ingredientes:
2 Berenxenas grandiñas
1 pemento pequeno
1 peituga de polo
½ vaso de viño branco seco
1 cullerada de fariña triga
1 chisco de pementón doce
1 chorriño de leite
Queixo para gratinar

Basicamente o que fixemos foi baleirar as berenxenas e metelas no microondas cun pouco aceite e sal 8 minutos a 800 W.

Por outro lado fixemos o recheo nun wok, achegando os pementos nun pouco aceite e sal. Engadimos o viño e deixamos evaporar o alcohol, sumamos a carne da berenxena picada e despois o polo, tamén picadiño. Cando se fixo un pouco poñemos o pementón e cando vemos que xa se misturou e o polo está feito ligamos; primeiro refogando a fariña e pasado un minuto engadindo o leite.

O mais sinxelo ven agora, rechear coa farsa anterior os 'barquiños de berenxena e colocar o queixo por riba para gratinar, eu usei un semicurado, pero podedes por o que mais vos guste.

No hay comentarios:

Publicar un comentario